Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta reforza con 3,5M€ o funcionamento da Orquestra Sinfónica de Galicia, a maior achega feita nunca


— Román Rodríguez salienta que o apoio do Goberno galego garante a presenza do repertorio de música clásica de calidade no marco da programación do Xacobeo 21-22

— A colaboración inclúe aumentar o público potencial deste xénero musical co apoio a concertos ao aire libre, ou colaboracións con artistas de música pop e rock e doutros xéneros

A Xunta de Galicia inxecta este ano un total de 3,5M€ para o funcionamento e o impulso da programación clásica da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), o que supón a maior achega da historia realizada ata o momento para esta entidade por parte do Goberno galego.

Este apoio orzamentario quedou formalizado a través de dous convenios de colaboración asinados hoxe entre o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a alcaldesa da Coruña e presidenta do Consorcio para a Promoción da Música, Inés Rey, nun acto ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Así pois, a Xunta de Galicia realiza unha achega de 2,7M€ para o financiamento dos gastos correntes da OSG durante o ano 2021, ao que se suman outros 800.000€ (ambas a través do Consorcio para a Promoción da Música, entidade xestora da OSG) como achega extraordinaria para a realización de actividades co gallo do Xacobeo 21-22.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou que con esta inxección económica “queda demostrado o compromiso do Goberno galego coa Orquestra Sinfónica de Galicia”, unha entidade que lembrou que leva recibido máis de 30M€ de aportacións da Xunta nos últimos dez anos co fin de contribuír a unha programación clásica de calidade que agora se vai ver reforzada de xeito significativo no marco da programación xacobea.

Concertos en lugares de interese patrimonial
Un dos obxectivos do Goberno galego é aumentar o público potencial do xénero clásico con accións como o apoio a concertos en distintos lugares de interese patrimonial (igrexas, catedrais e outros auditorios), colaboracións musicais con algúns barítonos de maior relevancia internacional (a Gala Wagner con Mathias Goerne e Josep Pons) ou proxectos extraordinarios con artistas de música pon e rock e doutros xéneros musicais en recintos ao aire libre.
Así mesmo, a través desta colaboración, impúlsanse outras actividades como as xiras da OSG fóra de Galicia, as vinculadas ao décimo aniversario das Orquestras Infantís e a Orquestra Nova (OJSG), gravacións e retransmisión de actividades a través de plataformas virtuais, estreas e encargas de compositores galegos, e programas en Galicia en colaboración co Centro Nacional de Difusión Musical.